Turespaña comunica que vai adiante o parador de Muxía

A Consellería de Cultura e Turismo conseguiu desbloquear o proxecto de construción do Parador de Muxía, que agora –segundo aclara- deberá iniciar de novo o procedemento de licitación do proxecto básico e de execución e de dirección facultativa das obras.

Segundo recalca o Goberno galego, o procedemento para a creación do futuro Parador foi neglixentemente instruído polo Goberno bipartito que contratou por procedemento negociado sen publicidade o Concurso Internacional de Ideas. Así o entende a Avogacía do Estado da Secretaría de Estado de Turismo que vén de emitir un informe no que afirma que a convocatoria do dito concurso non se publicou no BOE como é preceptivo, xa que na contía do premio debería incluírse o importe do contrato correspondente á elaboración do proxecto e a dirección facultativa porque as dúas opcións se ofrecían ao gañador do concurso, tal e como establecían as bases da convocatoria do Concurso Internacional de Ideas.

A Xunta de Galicia, tras avaliar distintas alternativas para solucionar este problema, decidiu decantarse pola que entende máis transparente, na que Turespaña obvie todo o anterior e inicie de novo un procedemento de licitación do proxecto básico e de execución e de dirección facultativa das obras, que deberá publicarse no BOE e no Diario Oficial da Unión Europea como prevé a Lei de Contratos do Sector Público.