Noruega frena o regreso da flota bacaladeira española ás súas augas

O sector bacaladeiro español está pendente do conflito existente entre o goberno noruegués e Bruxelas sobre a xestión do stock de xarda nas augas que administran conxuntamente, algo que, polo momento, impide que os barcos españois adicados á pesca do bacallao poidan volver faenar en augas norueguesas a partir do 1 de xaneiro. O propio secretario de Estado, Juan Martín Fragueiro, advertiu de que non se espera un acordo ata mediado o mes de xaneiro.

Por outra banda, un estudo do CSIC indica que a acuicultura mariña podería multiplicar por vinte a súa produción actual a mediados de século pois o sector será “fundamental” para alimentar aos 9.200 millóns de habitantes que se espera teña o planeta en 2050. Neste sector, unha das especies que se está a implantar en Galicia é o salmón. De feito, segundo publica La Voz, a compañía que cultiva esta especie en augas da Ría de Arousa quere instalar oito gaiolas máis tralo éxito do proxecto.

Tamén obtivo bos resultados o programa “Mar Achega” que desenvolveu a Xunta de Galicia para promover o coñecemento e o consumo dos produtos pesqueiros galegos. Tanto é así que a Consellería do Mar ampliará este proxecto en 2010 incluíndo máis visitas (nesta edición participaron 436 persoas).

O ano que vén, por outro lado, Vigo será sede dun cumio de pesca, aproveitando a presidencia española da Unión Europea. Os días 5 e 6 de maio acudirán á cidade olívica os 27 ministros de Pesca da UE.