Máis da metade da colleita de pataca está aínda nos almacéns dos agricultores e o SLG convoca mobilizacións

A venda da pataca da Limia está paralizada, a pesar de que o prezo do tubérculo non se move dos catro céntimos o kilo. Segundo publica La Región, a asociación de produtores de pataca estima que máis do 60% da colleita está aínda sen vender. Tanto é así que o desánimo xa se apoderou dos agricultores pois á parte de non vender, os prezos están en valores moi baixos.

A este respecto, o Sindicato Labrego Galego vén de anunciar mobilizacións no sector da pataca en forma de mercados transparentes (espazos nos que os consumidores, ademais de adquirir os produtos, coñecen o prezo pagado ao sector produtor, a marxe comercial aplicada, etc.). Estes mercados terán lugar o mércores 23 a partires das 12:00 h. nas cidades de Ourense, Vigo, Pontevedra e Compostela. Con estas mobilizacións o sindicato pretende denunciar a situación que os produtores están a vivir, “un novo exemplo da catastrófica situación de prezos ao sector produtor de alimentos que vense a engadir a outras graves problemáticas arestora xa máis coñecidas por todas e todos, coma é o caso do leite”, sinala o SLG.