Fin de semana gastronómica con citas en toda Galicia

Esta é unha das fins de semanas máis marcadamente gastronómicas do outono que está próximo a finalizar. E as citas son diversas. Por exemplo, en Sarria continúa celebrándose o Tapicheo 2009, un concurso de tapas no que participan un total de 31 establecementos hostaleiros. Prolongarase ata o martes.

Na aldea de Froxán, en O Courel, celébrase a Festa da pisa da castaña. A demostración da pisa comezará ao mediodía, antes do pregón que pronunciarán os actores Pepe Penabade e Comba Campoy. Tralo xantar oficial, que custa oito euros, pola tarde continúan as demostracións e as actuacións musicais.

Os amantes do marisco teñen unha cita en O Grove coa sétima edición das Xornadas da Centola que levan días celebrándose. E en Forcarei tócalle o turno á Richada, festa que cumpre xa dezaseis edicións. Na última edición servíronse mil cincocentos menús e este ano a organización agarda igualar, cando menos, esa cifra. O día grande é o domingo, con actividades durante todo o día. O pregón correrá a cargo do actor Pedro Alonso, coñecido pola súa participación en “Padre Casares”. A tarde finalizará cunha degustación de castañas asadas e viño con mel.

E xa no concello coruñés de Curtis, esta fin de semana celébrase a Festa da Nabiza e do Queixo, dous dos produtos máis representativos da zona. Ademais de na carpa instalada ao efecto, os visitantes poderán degustar estes dous produtos nos diferentes locais de hostalería do concello que se sumaron á ruta gastronómica.