Feijóo pide a protección do Apóstolo para os peregrinos que veñan a Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu a protección do Apóstolo Santiago para os milleiros de peregrinos que acudirán a Santiago en 2010, con motivo do Ano Santo, e destacou que Galicia se converterá, de novo, “nun centro, un principio e un destino”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta remarcou que Galicia, “país acolledor e aberto ao mundo”, segue a precisar da intercesión do Apóstolo “para non caer no desacougo e ver na unidade a garantía da súa forza”. Feijóo avogou porque Europa siga dando pasos cara a unha maior integración política e económica e por que a Comunidade Internacional faga honor ao seu nome e mancomune solucións a problemas de diversa índole. “Esa rede de vínculos necesariamente ha de asentarse tamén na cultura e na espiritualidade”, remarcou Feijóo. De aí “que a celebración do Ano Santo chegue nun momento especialmente oportuno”.