Dezanove edicións do Xantar Cunqueirán, un tributo á slow food

O restaurante padronés Chef Rivera acolle este luns unha nova edición –e xa van dezanove- do Xantar Cunqueirán, precursor en Galicia do movemento Slow Food que cada ano lembra (e interpreta) as leis da culinaria cinexética legada por Cunqueiro no “Teatro Venatorio e Coquinario de Galicia”. Como en anteriores ocasións, pois, conformarán o menú receitas que teñen a caza como base. Entre outros pratos, os comensais degustarán Pastelón de corzo, Menestra de Torcaz, Perdiz con coles ou Coello asado nas brasas do Magosto.

Regarán estas propostas culinarias con Veigadares 08, Abadía da Cova, Pittacum Aurea e Aván (Renacimiento e Concentración). Asistirán, entre outros, os promotores –Guillermo Campos e Chef Rivera-, Antón Louro, José María Fonseca, José Posada, Benigno Miranda, Argimiro Levoso, Francisco García Bobadilla e Nely Concheiro.