Unha terceira parte dos establecementos agroindustriais galegos son adegas

A facturación do sector vitivinícola representa máis do 4% do total da industria agroalimentaria galega, superando, nun ano medio, os 130 millóns de euros. Este sector conta con preto de 650 adegas, que dan emprego de maneira directa a máis dun milleiro de traballadores.

A maioría das adegas (482) están, ademais, inscritas nalgunha das 5 denominacións de orixe de viños existentes en Galicia, sendo Rías Baixas a que máis adegas acolle, un total de 201. Contrariamente ao que ocorre noutras comunidades autónomas españolas, o sector vinícola galego case se pode identificar coas denominacións de orixe, xa que o 95% do viño producido está amparado por algunha delas.