Promoción turística a través do deporte

Existen moitas posibilidades á hora de promocionar un territorio e ás veces a máis efectiva non é a máis tradicional. Estes días realizan unha visita á Ribeira Sacra os ciclistas Ezequiel Mosquera e David García, convidados polo Club Ciclista Monforte, e agárdase que iso contribúa a dar a coñecer o territorio.

Os deportistas visitarán, entre outros puntos, os miradoiros do Canón do Sil ou o obradoiro de olería de Gundivós, convidados por Lugosur e o Consorcio Turístico. Á marxe desta iniciativa, Lugosur proxecta abrir unha central de reservas para os establecementos de turismo rural da zona, que podería iniciar a súa actividade a principios de 2010.