O presidente da Xunta felicitou a Ternera Gallega polo seu vixésimo aniversario

O presidente da Xunta felicitou a Ternera Gallega polo seu XX aniversario e apuntou á unidade de sociedade civil e política como unha das razóns do seu éxito. “Para chegar ao momento actual, -dixo- foi necesario un intenso traballo colectivo; celebro que tiveramos unha visión global para dar a Ternera Gallega todo o esplendor co que conta e agardo que ese espírito nos inspire no futuro xa que, sumando esforzos é como se sirve ao interese xeral”.

Alberto Núñez Feijóo asegurou que Ternera Gallega é “un espello onde querería mirarse boa parte do sector primario non só da nosa terra, senón de todo o continente; o privilexiado reflexo, o sinal identificador da capacidade da mellora que, con moito traballo e axeitadas directrices, poden servirnos a todos de modelo”.