Lugo celebra o aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial

Este luns celébrase o 9º Aniversario da Declaración da Muralla pola Unesco como Patrimonio Mundial e o alcalde de Lugo, José López Orozco, e a concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, animaron a toda a cidadanía a “rememorar a felicidade vivida aquel 30 de novembro do 2000”. O rexedor adiantou que “para o vindeiro ano, no que se celebra o décimo aniversario, queremos que sexa o ano de Lugo, o ano dos lucenses, o ano da Muralla, o símbolo cultural que une e reúne a todos”. López Orozco explicou que o Concello leva xa varios meses preparando unha programación completa de actividades en todos os ámbitos “para promocionar aínda máis o noso ben monumental máis valioso”.

O equipo de Goberno quere aproveitar a forza do Xacobeo e o paso do Camiño pola cidade para que o 2010 sexa un ano moi positivo para Lugo, para a súa provincia e para toda Galicia. Por iso, o Alcalde anunciou que manterá unha xuntanza co Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, para usar o logotipo do Xacobeo e que ambos acontecementos vaian da man na súa promoción.