A Xunta negociará os grandes concertos do Xacobeo ata decembro

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, avanzou en Ourense que a Xunta continuará negociando ata decembro os grandes concertos do Xacobeo polo que é posible que se engadan novos nomes á lista que se presentará o martes, día 20, data na que se coñecerá o groso da programación do Ano Santo. Carmen Pardo asistiu á primeira xornada de Termatalia e indicou que, de cara ao ano que vén, a Xunta investirá en torno a 3 millóns de euros no sector termal.

Pardo insistiu en que, se ben no contexto nacional a oferta termal galega é moi coñecida, tan só rexistra un 6% de demanda internacional. O pasado ano, indicou a secretaria xeral, os balnearios galegos facturaron uns 37 millóns de euros e converteron ao termalismo nun dos principais atractivos da oferta turística galega, xunto á natureza e a gastronomía.