A Xunta estudará a implantación do transporte público nas rías galegas

O Pleno do Parlamento aprobou unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a estudar a viabilidade de implantar o transporte público por vía marítima nas rías galegas en todos aqueles puntos nos que sexa posible, ao obxecto de artellar novas propostas factibles nese ámbito.

Os populares defenden os beneficios económicos, sociais, medioambientais e de crecemento sostible que suporía a implantación deste tipo de transporte, unha alternativa ao transporte por estrada máis ecolóxica e cunha vertente paisaxística. De feito, o PP referiuse tamén ás viaxes turísticas ou de lecer programadas polos mariñeiros na época estival co fin de atraer visitantes ás pequenas vilas da costa ou os paquetes turísticos pola ría de Vigo como exemplos que están dando moi bos resultados.