A Xunta crea o proxecto Mar Achega, para fomentar o consumo de peixe

O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro, e a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, presentaron o proxecto “Mar achega”, un programa de actividades pensado para amosar á poboación do interior de Galicia o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados nas augas interiores de Galicia aos consumidores finais.

A proposta é un programa piloto que consiste na realización de 10 visitas ás lonxas de diferente portos do litoral galego. Cada visita inclúe a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos. A Consellería de Mar destinará a esta actividade un total de 46.290 euros. As visitas comezarán o mércores en Cambados e finalizarán o día 10 de novembro en Fisterra.

Por outra banda, os armadores da zona de A Guarda queren impulsar o consumo de peixe espada no norte de España, onde só se vende o 10% do que se captura. O restante 90% repártese entre o mercado italiano (50%) e outros mercados nacionais (Madrid, Andalucía e Levante). Para iso estanse a celebrar unhas xornadas gastronómicas denominadas “Peixe espada, emperador do mar e da mesa”, que contan coa colaboración da UE e do Goberno central.