Terras de Pontevedra promociona o turismo mariñeiro

Terras de Pontevedra traballa para a creación dun novo produto turístico, baseado no aproveitamento da actividade pesqueira tradicional e a súa cultura, que se complementa cos diversos recursos e servicios locais. Esta conxunción de recursos e actividades pode ser unha interesante fonte de ingresos complementarios para as xentes do mar, ao tempo que axuda a crear emprego, diversificar a actividade empresarial, atraer a novos visitantes, etc.

Para o desenvolvemento do produto “Turismo Mariñeiro en Terras de Pontevedra” realizáronse varios estudos dos recursos existentes e mantivéronse encontros cos diferentes axentes implicados para definir un Plan de Accións para poñer en marcha a iniciativa. A segunda fase contemplará a creación de paquetes turísticos, en colaboración coas confrarías e os axentes turísticos; a formación de persoal axeitado e a elaboración dunha guía que recollerá todas as rutas e actividades que integrarán a oferta.