Proxectos balnearios

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o titular de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, reuníronse cos representantes da Asociación Galega da Propiedade Balnearia co obxectivo de afianzar a relación entre ambas institucións e de avanzar nas liñas de traballo abertas de cara a impulsar o sector termal en Galicia. No encontro, os responsables das devanditas consellerías afrontaron cos membros da Asociación os puntos centrais para unha futura acción conxunta de cara á posta en valor da rexión xeotérmica máis importante de España, cunha vintena de balnearios e de centros talasoterapéuticos e mais de 300 mananciais.

Entre outras propostas, abordouse a futura internacionalización da campaña termal para estender o termalismo galego a todo o mundo, un proxecto no que a Secretaría Xeral para o Turismo xa vén traballando na consolidación e internacionalización da plataforma Balnegal e na posta en marcha de accións encamiñadas a potenciar a investigación neste campo e de actividades académicas relacionadas.

Os centros termais galegos trasladaron aos conselleiros o seu desexo de ter un protagonismo destacado dentro do programa turístico da Xunta para o Xacobeo. Os profesionais buscan o apoio do Goberno galego ao seu proxecto "Balnearios de Galicia: un descanso en los caminos". Tamén trasladaron aos conselleiros o seu desexo de que se celebren cursos de inglés para o persoal que traballa nos balnearios.