Outono nas termas, para as mulleres

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade e da Secretaría Xeral para o Turismo, presenta “Outono nas termas”, un programa de estadías en balnearios galegos para mulleres. Este programa vai dirixido ás mulleres galegas e ten como finalidade promover a participación das asociacións de mulleres nun programa de estadías en balnearios galegos durante o mes de novembro.

Durante a estadía no balneario, impartirase un pequeno programa formativo de “Igualdade e vida saudable”, no que se presentarán de xeito ameno propostas para que as mulleres incorporen, nas diferentes etapas das súas vidas, actividades deportivas e hábitos de vida saudables. Así mesmo, durante os dous días de estadía, as mulleres recibirán os tratamentos termais máis axeitados ao seu estado de saúde.

O programa está financiado ao 50% pola Xunta de Galicia, polo que os prezos de estancia de 2 días e tratamentos varían entre os 25 e os 50 euros por persoa. Nel colaboran sete hoteis–balnearios da comunidade autónoma (Lobios, Laias e Arnoia, do grupo Caldaria; Lugo, Guitiriz, Mondariz e Termas de Cuntis).