Os orzamentos da Consellaría do Mar para 2010 apostan pola pesca artesanal e o marisqueo

O orzamento da Consellería do Mar incrementarase nun 7% con respecto ao presentado o ano anterior pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. O total do que disporá será de 221,7 millóns de euros. Mar fará especial fincapé en potenciar a pesca artesanal e marisqueo e a industria e a comercialización, á par que contempla unha elevada inversión en materia de salvamento e seguridade.

As prioridades da Consellería en materia social pasan por potenciar a ordenación do sector contribuíndo á cooperación, funcionamento e desenvolvemento das confrarías. A Xunta contempla ademais 10,9 millóns en medidas socioeconómicas derivadas do abandono da actividade pesqueira e que serán destinadas a prexubilacións, impulso de novas actividades ou mellora da capacitación profesional.

Os orzamentos da Consellería prestan atención, ademais, á conservación dos recursos como piar fundamental do futuro da pesca potenciando unha pesca responsable e un maior control sobre as actividades extractivas ilegais polo que investirá 2,5 millóns de euros en convenios de vixilancia. Deste xeito, e como compromiso de aposta pola sustentabilidade destinará 1,2 millóns de euros (un 20% máis) á protección de hábitats significativos e dotados de valor piscícola, marisqueiro ou natural senlleiros como son as reservas mariñas.