Os nenos de Poio descobren o seu municipio

Os escolares do municipio pontevedrés de Poio dispoñen dunha nova ferramenta para coñecer onde viven. Trátase dunha publicación que ten como protagonista ao oso Jorge, que vai levando aos rapaces polas diferentes parroquias e atractivos turísticos do concello. “Ven a coñecer Poio” inclúe, ademais, debuxos para pintar, xeroglíficos e adiviñas.

Por outra banda, o Concello deu a coñecer as cifras de consultas das oficinas de información turística durante este verán. Así, uns 16.000 turistas achegáronse polas casetas dende o 15 de xuño ao 30 de setembro, a maior parte deles, nacionais. O 72% dos turistas viaxaban de forma individualizada e acudiron a Poio atraídos pola paisaxe ou por recomendacións de familiares e coñecidos.