O Plan de Competitividade Turística de Vigo xa ten orzamento

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolleu a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, o Instituto de Turismo de España (Turespaña), o Concello de Vigo e a Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra, para o desenvolvemento do Plan de Competitividade Turística de Vigo, Turismo Urbano e de Ría por un importe total de 3.900.000 euros. Para lograr unha boa execución do Plan de Competitividade crearase unha Comisión de Seguimento formada por representantes das catro institucións.

As actuacións do plan divídense en varias áreas: de planificación; de administración, de marketing; de comercialización; de capital humano ou de integración de produto. Dentro da área de administración contémplase a creación dun ente xestor do Turismo de Vigo, entre outras accións; dentro da área de calidade prográmanse accións como a creación do clube de calidade de servizos náuticos e dentro da área de marketing inclúese a elaboración dun plan de marketing estratéxico ou accións de promoción do produto turismo urbano.

Vigo era a última das grandes cidades galegas que non contaba cun plan de desenvolvemento turístico.