O BNG pide no Senado que se protexan as variedades de uva galegas

O senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza rexistrou unha moción no Senado que insta ao Goberno a regular a exclusión das variedades de uva máis emblemáticas de cada unha das cinco Denominacións de Orixe de Galicia para evitar que sexan utilizadas para poder contraetiquetar viños noutras CC.AA ou rexións da UE.

Pérez Bouza pón de manifesto que a mesma Consellaría de Medio Rural se dirixiu ao Ministerio en xullo pasado para solicitarlle que procedese a regular a exclusión das variedades de uva para vinificación que están asociadas a Galiza, de xeito que non poidan ser utilizadas para contraetiquetar viños noutras CC.AA ou rexións europeas. O parlamentar do BNG afirma que se trata de evitar que as industrias que fabrican viños de mesa poidan comerciar con supostos “albariños” ou “godellos” a prezos baixos. Este pedimento, din os nacionalistas, está respaldado polos Consellos Reguladores galegos.