Monforte, capital da ecoapicultura galega

A localidade lucense de Monforte acolle este sábado o primeiro congreso de apicultura ecolóxica de Galicia, que se celebrará dentro da segunda edición da Mostra Agroecolóxica Terra Sacra. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), organizador do simposio, pretende amosar a importancia que este sector pode ter nun futuro próximo. Entre os convidados ao congreso, que participarán con algunha ponencia, está a presidenta do C.R. do Mel de Galicia, Esther Ordóñez, quen falará do panorama da produción apícola galega.

A provincia de Lugo ocupa unha posición de primacía na apicultura ecolóxica galega, xa que nela se concentra o 89% do terreo adicado a esta actividade. A comarca de Quiroga ocupa o lugar de cabeza, co 65% de toda a produción de Galicia.