Mark Knopfler e El Circo del Sol, principais nomes dun Xacobeo descentralizado

A Xunta de Galicia dou a coñecer o groso do programa do Xacobeo 2010, a alta dalgunhas confirmacións que se espera se vaian coñecendo nas próximas semanas. No aspecto musical destacan os concertos do escocés Mark Knopfler, os festivais Sónar ou MTV e os concertos de música clásica, coa presenza de Zubin Mehta dirixindo a Orquestra do Palau de les Arts de Valencia. Haberá tamén unha forte presenza de artistas galegos, especialmente de folk.

Noutros ámbitos destacan o I Encontro Internacional de Literatura de Viaxes, a exposición “A Historia de Diego Xelmírez”, unha travesía a nado a cargo de David Meca ou a actuación de El Circo del Sol e de Mayumaná.

A Xunta estrutura o Xacobeo 2010 en “10 Camiños” que aglutinan as diferentes actividades programadas. Así, as dez temáticas son “Camiño da Espiritualidade”, “Camiño da Reflexión”, “Camiño da Historia”, “Camiño Contemporáneo”, “Camiño das Artes Escénicas”, “Camiño do Audiovisual”, “Camiño do Deporte”, “Camiño da Gastronomía”, “Camiño Infantil” e “Camiño da Música”.

Para o presidente do Executivo, encargado de presentar a programación, o 2010 é “unha data con nome de país: Galicia”. Alberto Núñez Feijóo valorou que se trata dunha data “ilusionante” porque o Xacobeo “recupera o máis fondo espírito peregrino e o seu sinal máis característico: a xenerosidade”.

Para o conselleiro de Cultura e Turismo, Galicia constituirá, en 2010, “un foco de vitalidade, de dinamismo e de ideas”, aspirando a converterse “no centro do mundo”. Roberto Varela indicou, así mesmo, que deportistas como Rafa Nadal ou Iker Casillas tamén terán que ver co Xacobeo.