Exposicións sobre o Camiño en Berlín e Valladolid e xornalistas daneses por Santiago

Ata o vindeiro 6 de novembro permanecerá aberta na sede do Instituto Cervantes de Berlín a mostra fotográfica itinerante “En Camiño”, producida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Trátase dunha ambiciosa mostra fotográfica sobre o Camiño Francés e a cidade de Santiago realizada pola alemá Silvia Steinbach. A exposición consta dunha colección de 55 fotografías en cor e branco e negro cunha estética moi persoal. As imaxes recollen o camiño, as pontes, as igrexas, os mosteiros e catedrais e mesmo os peregrinos en Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia.

Doutra banda, o Centro de Recursos Turísticos de Valladolid acolle dende este xoves unha mostra audiovisual sobre o Camiño na que colabora a Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos. A exposición consiste nunha secuencia de 28 fotografías sobre as peregrinacións xacobeas, particularmente dos camiños Francés e de Fisterra, e outra complementaria de Santiago como meta das peregrinacións.

E mentres, Santiago recibe estes días a visita do xornalista danés, especialista en peregrinacións, Mikkel Larsen, convidado pola Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago. Larsen recopilou información sobre a ruta e manifestou sentirse impresionado polos tellados da Catedral e a panorámica da cidade que ofrecen así como polos viños Mencía galegos.