Descubrir as rías

A Asociación de Oceanógrafos de Galicia vén de iniciar unha campaña divulgativa das rías galegas entre os estudantes de Secundaria. “Descubrindo a ría: ciencia a pé de praia” é unha campaña que achegará aos escolares o “Estudo Integral das Rías Altas”, realizado por un equipo multidisciplinar integrado por diferentes investigadores, promovido polas confrarías de Cariño, Espasante, O Barqueiro, O Vicedo, Celeiro, Ribadeo e a Agrupación de Mariscadoras de Foz.

A Asociación de Oceanógrafos trasladarase a diferentes institutos das Rías Altas para presentar o proxecto. Os alumnos poderán, así, coñecer máis a fondo como son as súas rías e todos os factores que inflúen nos bancos marisqueiros.