Caixanova apoia o enoturismo

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas, José Ramón Meiriño, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a promoción do enoturismo da provincia de Pontevedra. O convenio terá unha duración dun ano e inclúe, entre outros aspectos, a edición de materiais de comunicación, a realización de presentacións do produto ou o deseño dun vídeo promocional.

A firma do texto permitirá que os clientes da entidade crediticia obteñan grandes beneficios, xa que optarán a ofertas permanentes e contidos especiais, tanto dos produtos da propia asociación enoturística como en establecementos adheridos ás diferentes rutas.

A este respecto, profesionais do sector que se deron cita no II Congreso Internacional de Turismo Enolóxico coincidiron en sinalar a necesidade de potenciar a cultura do viño e a gastronomía como elementos de diferenciación e promoción turística, ademais dunha maior vinculación entre administracións públicas e o sector privado. Pola súa banda, o presidente de Acevin, Francisco Sánchez Bódalo, apuntou que “a clave dentro da situación actual é agudizar o inxenio para saber como se pode avanzar”.