Avances no novo regulamento da D.O. Ribeiro

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro celebrou a primeira das reunións con vistas á aprobación do novo regulamento. No transcurso da xuntanza, como recolle La Región, acolleuse con interese unha proposta realizada pola Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro para crear un órgano de control independente que garantice a calidade da produción, e no que a cooperativa pretende incorporar a distribuidores e consumidores, ademáis de adegueiros e viticultores.

A cooperativa tivo oportunidade de trasladarlle esta petición ao propio conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que realizou recentemente unha visita ás instalacións da adega. Os cooperativistas pretenden que se actualicen os rexistros das fincas, especificando as variedades que producen para que o control por parte dese órgano sexa o máis exhaustivo posible.

Samuel Juárez tamén visitou as instalacións de Hortoflor, onde se comprometeu a buscar fórmulas para a xeración de emprego dentro do sector agrario. Así mesmo, a Consellería tamén estudará un proxecto de aproveitamento da biomasa.