As novas axudas da UE ao sector lácteo español non pasan de 500 euros por granxa

Os ministros de Agricultura da Unión Europea acordaron liberar unha partida extraordinaria de 280 millóns de euros para axudas ao sector gandeiro pero, dado que se distribuirán proporcionalmente á cota láctea asignada a cada país, en España a contribución será duns cincocentos euros por explotación. A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, estimou que as axudas servirán para aliviar a situación de moitas granxas. “Hai que recoñecer o esforzo que se vai facendo pouco a pouco para que o sector mellore a súa situación”, manifestou.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego cualifican estas axudas de “cortina de fume” baixo a que os ministros da UE “pretenden agochar a eliminación das explotacións leiteiras europeas en aras de agasallar ás multinacionais da alimentación cedéndolles este espazo para os seus negocios”. “Nós non queremos que nos vendan axudas a cambio de que non teñamos prezo”, sinalan dende o sindicato.