Aprobada a revisión das táboas salariais para a hostalería coruñesa

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou a acta da comisión paritaria do convenio colectivo provincial de hostalería da Coruña, pola que se revisan as táboas salariais do sector. Así, mantense a suba do 3%, porcentaxe correspondente ao IPC previsto.

Segundo o acordo ao que chegaron a patronal e os sindicatos, os traballadores que xa tiveran recoñecido o dereito da manutención e o aloxamento recibirán durante o ano 2009 50,74 e 14,42 euros mensuais respectivamente. Durante o ano 2010, as dúas cantidades aumentarán nas mesmas contías que os salarios.

Patronal e sindicatos tamén fixaron as contías que percibirá en 2009 o persoal alleo á empresa que realice servizos extraordinarios. Así, o xefe de cociña e o xefe de comedor percibirán 92,77 euros por servizo e os cociñeiros, axudantes de cociñeiro, fregadores, camareiros e axudantes de camareiro cobrarán 71,92 euros.