Anulada a declaración de impacto ambiental da piscifactoría de Rinlo

O TSXG vén de emitir unha sentenza contra a resolución da Xunta do último goberno Fraga que aprobaba a piscifatoría de Foxo Longo en Rinlo (Ribadeo) promovida por ACUINOR S.L. Deste xeito, quedan invalidadas tanto a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) feita pola Xunta como as licenzas de obra e actividade concedidas a ACUINOR polo concello de Ribadeo.

Nos seus fundamentos, o tribunal estima unha “infracción relevante que vicia a DIA” por inobservancia da lexislación ambiental de protección da Rede Natura 2000. Para Adega, trátase dunha “sentenza histórica” para o ecoloxismo e a sociedade galega xa que “é a primeira vez que a Rede Natura ve recoñecida a súa protección polo alto tribunal galego fronte ao proceder dalgunhas administracións e empresas para as que as leis ambientais son só papel mollado, e as avaliacións ambientais un incómodo trámite que completar con estudos de impacto e declaracións a medida”.