O Xacobeo invade a Gran Vía de Madrid

O Xacobeo 2010 inundará na noite do 19 de setembro a histórica Gran Vía de Madrid, arteria principal da capital, iluminando os paseos dos milleiros de peóns que se achegarán aos puntos informativos sobre Galicia e o Camiño de Santiago que acompañarán esta iniciativa. O evento englóbase na proposta madrileña 'La Noche en Blanco', baixo o nome de 'Un camiño de luz'.



Esta iniciativa basea a súa esencia na mestura de teatro, música, luz e cine. Os viandantes poderán achegarse a Galicia, ao Camiño de Santiago e ao vindeiro Ano Santo 2010 mediante catro stands promocionais que estarán localizados nos puntos máis transitados da Gran Vía e nos que se repartirá información turística.



Por outra banda, o Xacobeo dá por iniciada a programación cultural do Ano Santo coa exposición “Santiago, 1909”, unha escolma de fotografías históricas sobre a Expo Galega que se celebrou naquel ano. A mostra pode visitarse, ata o vindeiro 18 de outubro, no Pazo de Fonseca.