Medio Rural aposta por potenciar a reserva da biosfera Gerês-Xurés

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón, asistiu en Braga a unha xuntanza entre autoridades galegas e portuguesas co obxecto de establecer as bases que rexerán a constitución dos novos órganos de xestión da reserva da biosfera Gerês-Xurés, que se porán en marcha nos vindeiros meses.

Existe unha cooperación entre o Parque Natural Baixa Limia Xurés e o Parque Nacional Peneda-Gerês (Portugal) dende o ano 1997, polo que se busca pór en marcha os instrumentos de cooperación para desenvolver esta reserva da biosfera. Así, vaise nomear unha Comisión de Seguimento que constará dun comité técnico que será o encargado de elaborar o Plan de Acción da Reserva da Biosfera e un comité técnico administrativo que realizará un novo regulamento de cooperación transfronteiriza.