En defensa da pesca galega

A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuníronse para tratar varios temas relativos ao sector pesqueiro e acordaron intensificar o control do peixe foráneo, así como diferenciar o procedente de Galicia. Ambas mandatarias acordaron así mesmo manter reunións de coordinación para establecer o réxime de inspección e control, unhas operacións nas que Quintana quere implicar tamén ás entidades locais.

No mesmo encontro informouse de que a finais do vindeiro mes de outubro, os máximos responsables da comisión europea encargada da reforma da Política Común de Pesca manterán unha reunión en Galicia con representantes do sector e con responsables das políticas pesqueiras a nivel estatal e galego. A conselleira trasladou á ministra que Galicia que “ter voz propia” na devandita reforma da PCP “para que nela se recollan as nosas propostas e todas aquelas inquedanzas que neste momento debaten todos os sectores”, matizou Rosa Quintana.