Comezan en A Toxa as xornadas de seguemento de proxectos de investigación dos parques nacionais

A illa da Toxa (O Grove-Pontevedra) acolle ata este venres as Xornadas de Seguemento de Proxectos de Investigación sobre os parques nacionais, nas que se exporán os resultados das investigacións que se están levando a cabo dende 2005, e que son subvencionadas polo Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN), que depende do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Así mesmo, preténdese realizar un seguemento dos proxectos e ofrecer información deles aos técnicos dos parques.

Os actos están dirixidos aos técnicos e xestores dos parques, así como a investigadores con proxectos e membros do comité científico de parques nacionais. O programa engloba unha serie de conferencias de carácter informativo e debates para analizar cuestións sobre parques en áreas de montaña, en sistemas insulares e en zonas húmidas e sistemas mediterráneos. Pecharanse o venres cun percorrido pola illa de Sálvora e unha breve ruta pola ría de Arousa.