Comeza o cuarto concurso de tapas de Vigo

Vigo é estes días sinónimo de gastronomía. Á celebración da Festa do Marisco súmase o inicio da cuarta edición do concurso de tapas do Casco Vello, no que participan un total de vinteún establecementos. Entre as delicias que se poden degustar están uns espaguetis de sepia con mexillóns e mollo de wakame ou canastiñas de pasta de galleta recheas de crema de marmelo e Tetilla.

Unha das novidades desta edición é que as tapas só se ofrecerán de luns a venres, para evitar así as aglomeracións que se producían noutros anos nas fins de semana. O prezo dos petiscos oscila entre 1 e 3 euros, pois algúns teñen unha complicada elaboración. Os clientes que proben alomenos doce destas tapas poderán votar a que lles pareza mellor. O pasado ano rexistráronse máis de 3.000 votos.