As visitas de Lugo de alma romana rematan esta fin de semana

Esta fin de semana rematan as representacións das visitas teatralizadas “Lugo de alma romana” organizadas pola Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Concepción Burgo e que comezaron o pasado 3 de xullo. En total, celebráronse 66 sesións. Os últimos pases terán lugar o sábado ás 13.00, 18.00 e 20.00 horas e o domingo ás 13.00 horas.

Por outra banda, as mostras dos Vellos Oficios Vivos que se realizan as fins de semana nos soportais da Praza Maior e que tratan de dar a coñecer os sistemas de traballo que empregan os artesáns galegos para confeccionar as súas pezas, chegan ao seu fin este sábado 12 de setembro. Os que se acheguen ata o fondo dos soportais da Praza Maior poderán gozar nesta última demostración cos labores dun fiadeiro, no que participarán sete artesáns que realizarán diferentes demostracións.