A voltas cos chiringuitos en Vigo

O Concello de Vigo adxudicou, finalmente, o servizo de chiringuitos nas súas praias, a poucas semanas de rematar o verán. En total son nove instalacións dotadas de aseos, incluso para persoas con discapacidade, que debían estar en funcionamento dende xuño. A instalación dos chiringuitos xa comezou e agárdase que esta fin de semana, que se prevé soleada, estean a pleno rendemento.

Por outra banda, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo vén de criticar a Corina Porro por propoñer a instalación de bares e restaurantes no porto. O colectivo considera que esa decisión “non ten nin pés nin cabeza”. Os ecoloxistas consideran que se a presidenta cre que é necesario ampliar os espazos do porto, as novas instalacións deberían realizarse sobre pivotes, que non prexudicarían ás correntes da zona.