Turismo destaca que a ocupación cae en Galicia menos que no resto de España

A Secretaría Xeral para o Turismo, á vista dos datos feitos públicos polo INE, destaca que a caída da cifra de ocupación hoteleira en Galicia sexa lixeiramente inferior á da media do Estado. Galicia rexistrou no pasado mes de xullo unha cifra de viaxeiros de 400.778, aloxados en establecementos hoteleiros da comunidade, mentres que o resto de España rexistrou de media unha cifra de viaxeiros que diminuíu con respecto ao mes de xullo de 2008 nun 4,8%.

En canto ao volume de pernoitas en establecementos hoteleiros a situación é similar. Galicia experimentou unha lixeira caída do 1% interanual en xullo de 2009 –rexistrando un total de 953.923 pernoitas-, porcentaxe inferior á media estatal, que se situou tamén arredor do 4,8%. En xullo a ocupación media dos hoteis en Galicia foi do 42,34%.

Doutra parte, a estadía media en Galicia non experimentou cambios e mantívose en 2,4 noites para o conxunto da comunidade e esa ocupación media dos establecementos hoteleiros que supera o 42% o pasado mes supuxo un lixeiro descenso de algo máis dun punto porcentual a respecto de xullo de 2008. No conxunto de España a caída foi superior, de algo máis de catro puntos porcentuais, situándose no mes de xullo na contorna do 62% de media.

Entrando máis ao detalle pódese comprobar como hai zonas de Galicia que están resistindo relativamente ben á crise mentres outras se desmoronan. No polo positivo sitúase a Costa da Morte que batiu este ano o seu récord de pernoitas en xullo. De feito, foi unha das escasas comarcas galegas que recibiu máis visitantes que no mesmo periodo do ano anterior. As cifras tamén son positivas nas Rías Altas pero negativas (ou ben en visitantes ou ben en pernoitas) nas Rías Baixas e na Mariña lucense.

En canto ás cidades, a de Ourense é unha das que peores resultados colleitou pois rexistou un total de 26.600 visitantes en xullo, 13.300 menos que o mesmo mes do ano pasado.