Pontevedra comeza a transformarse nunha vila do século XV para a Feira Franca

Pontevedra regresará esta fin de semana ao seu pasado medieval da man da Feira Franca. Os actos inícianse o venres ás 18.30 horas cando pregoeiros a cabalo anunciarán o comezo da festa. Posteriormente, un espectáculo de música, fogo e luz na Ferraría porá a nota de cor á noite pontevedresa. Na xornada do sábado a Feira abrirá ás 11.30 horas coa recreación do mercado de artesanía e a mostra de oficios na Ferraría e continuará co transporte do viño dende Santa Clara ata a mesma praza.

Os actos complétanse con exhibicións de cetrería, tiro con arco, malabares, torneos medievais, teatro de rúa e as tradicionais comidas e ceas medievais nas que participan centos de persoas.