Noia comeza esta fin de semana a súa primeira Festa de Produtos do Mar

Noia é coñecida, no eido gastronómico, pola empanada pero agora reivindícase como localidade mariñeira coa primeira Festa de Produtos do Mar que comeza esta fin de semana. A celebración coincide coa apertura da Feira do Comercio e durará dez días. Unha carpa de catrocentos metros cadrados, instalada na Alameda, permanecerá aberta dende as once da mañá para que veciños e visitantes degusten os mellores produtos da ría de Noia.

Entre as especies que se poderán degustar atópanse ameixas, navallas, berberechos, ostras ou polbo. Ademais, na carpa de degustación proxectaranse imaxes correspondentes ao proceso de restauración do balandro Joaquín Vieta.