Coruña presenta os seus atractivos en Málaga

O sector turístico da Coruña estará presente, por primeira vez, na Feria Internacional de Turismo Cultural de Málaga, que terá lugar do 17 ao 20 de setembro. A herculina será a única cidade galega que acudirá a esta cita. Entre os produtos que se van promocionar destacan a rede de museos, as salas de exposicións, a oferta teatral do Colón e o Rosalía de Castro, así como eventos entre os que destaca o Festival Mozart e a actividade da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Tamén atoparán cabida nesta feira eventos e festas de fonda tradición na cidade como o Antroido ou as Fogueiras de San Xoán, así como a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. A Coruña tentará amosarse como un destino atractivo para escapadas de fin de semana.