Juárez presenta as liñas da súa consellería para facer un rural atractivo e viable

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, presentou no Parlamento galego as liñas estratéxicas que seguirá o seu departamento durante a presente lexislatura. Unhas liñas “a prol dos homes e mulleres que habitan o rural galego, pero tamén daqueles das cidades que disfrutan deste medio, que teñen vínculos con el, que aprecian a calidade dos produtos agrarios, gandeiros e forestais, e que se preocupan pola sostenibilidade do medio”, segundo salientou Juárez.

Juárez asegurou que está en estudo unha nova proposta autonómica de Rede Natura 2000, que dará pulo á colaboración cos concellos no eido da conservación, rexeneración e mellora de espazos con especial valor ecolóxico. Tamén se impulsará o Parque Nacional das Illas Atlánticas, cuxo Padroado, lembrou Juárez, “nunca se reuniu nos últimos 4 anos. Darase pulo especialmente á súa riqueza arqueolóxica, á eliminación de especies alóctonas e á mellora da atención aos visitantes”.

No tocante á mellora da competitividade das explotacións agrarias e gandeiras, Samuel Juárez falou da importancia dun “incremento da base territorial das explotacións de vacún”, toda vez que “a redución dos custos produtivos pasa por reducir as cargas gandeiras nas explotacións”. Nese senso traballarase, dixo o conselleiro, na mellora da estrutura produtiva. O titular de Medio Rural tamén anunciou a creación dunha marca identificadora do leite producido en Galicia, para que o consumidor coñeza en todo momento a procedencia deste produto. Ademais, Juárez adiantou que se incentivarán novos produtos derivados do leite, coa finalidade de sumar valor engadido a este importante pilar económico do agro galego.