Valdeorras presenta a colleita 2008 en Santiago

Vinte e catro adegas do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras presentan o vindeiro mércores, 3 de xuño, en Santiago de Compostela, os viños da súa colleita do ano 2008, nun acto ao que asistirá o presidente da Denominación de Orixe, José Luís García Pando. Á presentación están convocados os sectores da distribución, da hostalería e da restauración que coñecerán directamente os viños do 2008 a través de degustacións comentadas polos propios adegueiros.

O acto de presentación celébrase por segundo ano consecutivo na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, logo do éxito de público acadado na pasada edición. A xornada organízase en dúas fases. A primeira, a partir das 18.00 horas, dirixida aos profesionais; e a segunda, dende as 20.00 horas, aberta ó público en xeral.