A Xunta suma 660.000 euros aos traballos da vila romana de Mitreo, en Lugo

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, a Universidade de Santiago e o Concello de Lugo para financiar a última fase da actuación de conservación e musealización dos restos da vila romana de Mitreo, localizados na construción da nova Vicerreitoría. Cultura achegará 660.000 euros para rematar a intervención.

No ano 2000, as obras de construción do novo edificio universitario deixaron á luz un importante xacigo romano, tanto polas súas dimensións como polas súas características e conservación. Componse dunha gran domus da primeira época do Imperio, con modificacións posteriores. O elemento máis salientable é o templo dedicado ao deus Mitra, que denota a presenza de cultos orientais na cidade de Lucus Augusti. A intención é musealizar o entorno de forma que se permita a circulación a través de plataformas elevadas.