A Xunta abre a porta a un transporte público na ría de Vigo

A Xunta de Galicia vén de informar de que a Comisión Europea confirmoulle que o novo Regulamento do Parlamento Europeo abre a posibilidade de que o transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo sexa considerado un servizo público. Deste xeito, o Goberno galego podería establecer este servizo unha vez entre en vigor o devandito Regulamento, é dicir, a partir do vindeiro 5 de decembro.

Sendo así, o transporte entre Vigo e a península do Morrazo non quedaría supeditado unicamente aos criterios de rendibilidade económica que agora aplican as empresas privadas por ser un servizo liberalizado. Para iso, o Goberno galego debería convocar un concurso acorde co novo regulamento.