Semana Verde convértese nunha feira multisectorial

A Feira Internacional Semana Verde de Galicia chega á súa trixésimo segunda edición cunha nova orientación, transformada en feira de mostras multisectorial, dirixida ao público en xeral e cun alto compoñente de ocio durante todos os seus días de celebración. Terá lugar do 11 ao 14 de xuño no recinto da Feira Internacional de Galicia, recuperando así as súas datas habituais, pero reducíndoa a catro días.

Manterase unha área agrícola-gandeira, aínda que se orienta cara o consumidor final. Así mesmo, levaranse a cabo numerosas actividades relacionadas co sector, como os tradicionais concursos.

A renovada Semana Verde incluirá sectores que nunca formaran parte da súa exposición, como a xardinería, a caza e a pesca ou as mascotas. Estase a traballar, ademais, para darlle un carácter máis lúdico ao certame, mediante a celebración de demostracións, campionatos e mostras.