Semana Santa, devoción e solemnidade para a primeira semana de vacacións do ano

Os hostaleiros galegos miran ao ceo á espera de que a meteoroloxía sexa benévola e permita a celebración das tradicionais procesións de Semana Santa, un verdadeiro reclamo turístico en vilas como Viveiro, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense ou Cangas do Morrazo. Precisamente, nesta última localidade xa comezan as celebracións esta fin de semana. Está declarada de Interese Turístico Galego e destaca polas imaxes que saen nas procesións e pola solemnidade que as preside.

A orixinalidade das imaxes articuladas, na procesión do “Encontro” e o “Descendemento” son unha mostra do querer vivir a Paixón de Cristo da maneira máis real. Durante toda a semana sucédense os actos litúrxicos, que culminan o Venres Santo coa Procesión do Sliencio, que sae ás doce da noite e na que o Cristo do Consolo é acompañado nun absoluto silencio polas rúas da vila.

Outra localidade pontevedresa que vive con solemnidade a Semana Santa é a propia capital da provincia. Precisamente, cúmprense 60 anos dende a restauración das celebracións da Semana Santa en Pontevedra e, con tal motivo, desenvolveranse unha serie de actos paralelos. Outra das novidades é o feito de que parte do percorrido das procesións, que se sucede pola Avenida de Santa María, verase levemente alterado polas obras que se realizan nesta vía, na que se atoparon achádegos arqueolóxicos de gran valor.

Xa na provincia da Coruña, atopamos varios exemplos de procesións de gran interese. Tal é o caso das da propia capital. O programa festivo inclúe once procesións a cargo de cinco confrarías. A música tamén formará parte dos festexos, coa celebración de cinco concertos de música relixiosa na Colexiata de Santa María do Campo. Na localidade de Noia están a traballar para recuperar a primitiva procesión que percorría as rúas da vila. Para iso, restauráronse varias tallas, que lucirán espectaculares para estas datas. Máis ao sur, en Ribeira, máis de 2.000 persoas participarán nas diferentes procesións e escenificacións que se levarán a cabo por Semana Santa.

Na cidade de Lugo, a Semana Santa ten como pregoeiro ao xornalista Jesús Parga López, e un dos actos centrais será a misa do Domingo de Ramos, coa tradicional bendición, e a procesión da Borriquita.

Mentres, en Ourense, ademais dos tradicionais actos relixiosos celebrarase o XXI Certame de Música Sacra, no que participarán oito agrupacións de Galicia, Bulgaria, Malta e Italia. Os concertos celébranse na Igrexa de Santa Eufremia e son un atractivo máis para visitar estes días a cidade das Burgas. Outra alternativa ao turismo meramente relixioso atopámola nas localidades de Allariz e Ribadavia, que contan cun programa cultural que inclúe música, literatura, degustacións de produtos típicos e rutas guiadas polo seu territorio. Tamén se encadra nesta programación a celebración do primeiro Mercadiño do Libro.