Semana de Paixón na Casa dos Martínez

A hostalería de Padrón está tomando unha serie de iniciativas tendentes a atraer a máis clientes, aproveitando a celebración da Semana Santa. Así, un dos establecementos de referencia da localidade, A Casa dos Martínez, celebra a Semana Gastronómica da Paixón, cun menú realizado a base de produtos frescos de mercado, sen aditivos. Unha opción diferente á cociña tradicional a prezos absolutamente asequibles, entre 25 e 30 euros. Entre os pratos que se poderán degustar destaca o arroz negro, os peixes frescos, o timbal de marisco ou unha “carrilleira guisada como lle gusta ao cura de Rois”.

Outro establecemento da localidade tamén se suma a este tipo de iniciativas “anticrise”. Trátase do bar Ónice, que á parte de baixar o prezo dos cafés e as cañas, admite pesetas nos pagos. O responsable do establecemento, Manuel Ángel García, afirma que dende que puxo os cafés a 0,50 euros, vende máis do dobre.