Santiago Repetirás xerou máis de 11.000 pernoctacións

Turismo de Santiago xerou 11.425 pernoctacións en hoteis da cidade entre novembro de 2008 e marzo de 2009, segundo datos aportados polo concelleiro da materia, Xosé Manuel Iglesias. Estas cifras supoñen un incremento do 116% con respecto ás 5.276 pernoctacións acadadas na campaña anterior.

En dita campaña de desestacionalización participaron sete turoperadores, o maior número dos programas feitos ata o momento. Ademais, por vez primeira desenvolvéronse campañas de promoción concretas naqueles destinos internacionais cos que hai conexións directas de baixo custe, como París, Londres ou Roma.

Doutra banda, o número total de participantes nas actividades complementarias (como “Merco e cociño con…” ou os obradoiros de cociña e catas) foi de 730 persoas. A maior parte delas procedían de Galicia pero tamén houbo participantes do resto do Estado e de países como Francia, Italia, Estados Unidos ou México.