Primeira incursión da Rubia Galega en Venezuela

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) vén de dar os primeiros pasos para a incursión desta raza na gandería de Venezuela. Unha delegación da asociación viaxou ata ese país e atopou “moi boa receptividade por parte dos colectivos gandeiros e dos medios de comunicación do ámbito agrario”. De feito, unha empresa da zona leva dende o 2007 importando seme de rubia galega.

Segundo a asociación, “cada vez son máis os que coñecen as boas cualidades da rubia galega, aínda que hai certo descoñecemento sobre algunhas cuestións”. Por iso, técnicos de Acruga decidiron visitar Venezuela persoalmente. Neste país, a raza máis extendida é a cebú que daría moi bos resultados, segundo Acruga, se se cruza coa rubia galega.