O Venres Santo máis doce, en As Neves

O concello pontevedrés de As Neves acolle este Venres Santo a décimo oitava edición da Feira do Requesón e do Mel, unha doce proposta para estas solemnes datas. Os actos abriranse en torno ás 10.30 horas con pasarrúas a cargo de varias agrupacións musicais. A degustación dos dous produtos exaltados comezará ás 12.00 horas mentres que unha hora despois terá lugar a lectura do pregón a cargo de Mari Carmen Núñez, presidenta da asociación de mulleres rurais Chan dos Casteliños.

Pola tarde, haberá actividades para nenos e reeditarase a degustación, desta volta acompañando o requesón con viño de Rubiós. Os actos están organizados polo Concello, a Deputación e a Cooperativa Condado-Paradanta.

Outra cita interesante é a que nos ofrece Camariñas, onde se celebra unha edición máis da Mostra do Encaixe, ata o domingo. A organización contratou unha liña especial de autobuses que conectará A Coruña e Santiago con Camariñas para facilitar o traslado dos interesados. O programa inclúe un desfile coas últimas creacións do vigués Cristóbal Vidal, deseños pensados para “segundas vodas ou vodas tardías”.

De carácter gastronómico son outras citas interesantes para estes días como a Festa da Troita de Navia de Suarna (10 de abril), a Festa do Congro de Muxía (10 de abril), a Festa da Vitela de O Bolo (11 de abril), a Festa do Viño do Val de Quiroga (11 e 12 de abril), a Festa da Orella de Lérez-Pontevedra (12 de abril), a Festa da Augardente de Portomarín (12 de abril), a Festa da Angula de Tui (12 de abril), a do Polbo de Ponteceso (12 de abril) ou a Festa do Bolo de Pascua de Meis (19 de abril). Na cidade transfronteiriza, ademais, celébranse unhas xornadas gastronómicas, do 11 ao 20 de abril, co seguinte menú: Angula, lamprea e sábalo, cun prezo de 120 euros por parella (con reserva previa).

Para comer e beber como hai séculos, nada mellor que participar na Feira Medieval de Monforte de Lemos, na que participarán 17 establecementos de hostalería. Desenvolverase o 11 de abril.

Outra localidade que está celebrando as súas festas grandes é Padrón, con actos durante toda a semana. Destacan, ademais das verbenas, a feira equina ou as corridas de touros. Máis ao norte, o Concello de Ferrol ofrece aos visitantes a posibilidade de realizar seis rutas para coñecer en profundidade a cidade.

Outras alternativas para o tiempo de lecer destes días poden ser unha visita á Mostra de Artesanía en Vivo de Vimianzo ou unha excursión ás recientemente reabertas Covas do Rei Cintolo, situadas en Mondoñedo.

Xa o luns, os actos relixiosos continúan coas romarías de As Cabezas (Meis), San Cibrán (Pontevedra) e O Viso (Redondela), entre outras.